AGADER CONCÉDELLE O III PREMIO AO EMBELECEMENTO DO MEDIO RURAL GALEGO AO PROXECTO HIFAS DA TERRA, DE PONTEVEDRA

  • O xurado acordou, por unanimidade, concederlle o III Premio Agader ao embelecemento de medio rural galego ao proxecto presentado pola empresa Hifas da Terra e un accésit ao Proxecto Esmelle, da asociación de veciños Valle de Esmelle, de Ferrol

  • O acto de entrega do premio será o vindeiro 17 de febreiro na sede de Hifas da Terra, situada en Portamuíños, na parroquia de Bora, de Pontevedra


Santiago, 11 de febreiro de 2005.-
 

O Premio Agader ao embelecemento do medio rural outorgouse na súa edición do 2005 ao proxecto denominado Hifas da Terra, pola conservación do patrimonio e a súa integración na cadea produtiva así como pola posta en valor dun contorno natural, mediante a obtención de produtos diversificados da actividade fundada no sector primario.

A candidatura presentada por Hifas da Terra consiste na instalación, nunha quinta construída no ano 1737, dunha empresa de biotecnoloxía dedicada principalmente á produción ecolóxica e ao envasado de cogomelos, formación neste eido, así como servizos forestais e restauración arbórea. O proxecto empresarial desenvolveuse con respecto pola construción e polo contorno, co aproveitamento das antigas edificacións de uso agrario para acoller, coas transformacións necesarias, dende modernas salas de envasado e tratamento dos cogomelos ata un laboratorio. 

-------------

O xurado recoñeceu tamén que as accións no ámbito rural cobran un especial interese cando conseguen implicar os veciños mediante o traballo voluntario, polo que acordou conceder un accésit, polo esforzo dinamizador do tecido social co obxectivo da recuperación do patrimonio mediante a participación cidadá e o traballo voluntario, á candidatura Proxecto Esmelle presentado pola Asociación de Veciños "Valle de Esmelle" de Ferrol.

O Proxecto Esmelle é unha iniciativa que pretende impulsar a recuperación do patrimonio histórico, etnográfico e cultural da zona mediante a concienciación dos propietarios dos distintos elementos e dos veciños en xeral, coa proposta dunha serie de actuacións e o establecemento dunhas liñas básicas a seguir. Desenvolvéronse diversas actuacións: xuntanzas veciñais, sinalizacións, encontros, xornadas de limpeza voluntaria, romarías castrexas e diversos estudos das actuacións programadas. O maior valor e interese da actuación corresponde á mobilización dos veciños e á dinamización social, a través da que teñen realizadas diversos programas con traballo voluntario.

--------------

O xurado estableceu criterios para a valoración das candidaturas presentadas que serven para exemplificar actuacións sobranceiras que incidan na posta en valor do medio rural. Apreciáronse nas actuacións tanto a conservación do contorno natural, como a defensa do patrimonio cultural, histórico ou artístico, ademais da realización de obras ou accións comunais como manifestacións de solidariedade extraordinaria.

A acta do xurado recolle o obxectivo de incidir na vontade de mantemento do patrimonio construído, coa advertencia de que "o campo é un contorno vivo se se produce nel e pode así mesmo compatibilizarse a produción anovadora co mantemento e integración na cadea produtiva dos edificios de valor senlleiro e dos espazos e contornos naturais". 

O xurado estivo presidido polo director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López Iglesias, e contou coa participación da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, do director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, do director da Escola Politécnica Superior-Campus de Lugo, Xoán Carreira, do vicerreitor de Infraestruturas e Xestión Ambiental da Universidade da Coruña, Xosé Lois Martínez Suárez, e da secretaria da Asociación de Artesáns de Mondoñedo, Elena Candín, en representación da entidade gañadora do premio ao embelecemento do medio rural galego na anterior edición.