O VAL DE ESMELLE  

O nome de Esmelle vai asociado para os que coñecen esta parroquia coa idea de "val". Cando acordamos de Esmelle vénsenos á mente imaxes de montes suaves rodeando valiños que van descendendo suavemente cara ó mar. Pero ¿por qué hai vales en Esmelle?.

Para contestar esta pregunta, que podemos aplicar a calquer lugar - ¿por qué a ria de Ferrol está onde está? ¿por qué penetra o cabo Prioiro case tres quilómetors mar adentro...?- pódese recurrir ás ciencias da natureza, especialmente á xeoloxía, á xeomorfoloxía e á climatoloxía.

Para comprender as razóns que motivaron o relevo actual - isto é a formación de montes, vales, chairas, rías, etc- hai que considerar tres grandes factores: a litoloxía (as rochas presentes na zona), a tectónica (as deformacións que sofriron no tempo polos movementos da Terra), e o clima (na historia do planeta déronse climas moi distintos na mesma zona). Comentemos como poideron influir estes factores na zona do Cabo Prioiro:

LITOLOXÍA: Hai dous tipos de rochas predominantes na zona. As granodioritas, rochas de tipo granítico que forman o propio Cabo Prioiro e unha banda que vai desde Cabo Prioriño, montes da Lagoa ata Campelo. Son rochas resistentes á erosión e que dan un relevo de montes redondeados pero de alturas que poden superar os 200 metros perto da costa.

Os xistos son rochas metamórficas formadas pola deformación de rochas pola influencia de presións ou temperaturas. Teñen aspecto de lousa e son menos resistentes que os granitos ós efectos da erosión. Por iso onde hai xistos atópanse vales ou chairas como o que vai dende Doniños, San Xurxo, campos das Cabazas ata Sta. Comba e Ponzos en Cobas.

TECTÓNICA:  Como tal desígnase os movementos das rochas. Cando se fala da Terra hai que conside- rar que a súa historia ten 4500 millóns de anos (MA) e que a súa codia sólida non ten máis de 50 Km de profundidade fronte ós case 6400 km do radio terrestre.

Así é máis doado comprender que en tanto tempo déronse moitos movementos de acomodación das rochas - como estamos a comprobar de hai tres anos para acó coa frecuencia de tremores en Galicia, unha zona tradicionalmente considerada moi estable sísmicamente - dos que os máis importantes foron o Hercínico e o Alpino. O primeiro douse entre 350 - 280 MA e foi o responsable da formación do relevo galego que empezaría a sofrir a erosión orixinando unha superficie moi desgastada e aplanada ata que as forzas do movemento Alpino (entre 2-100 MA) "rexuveneceron" o vello relevo que de novo voltaría a ser erosionado ata chegar a situación actual.

Todos estes esforzos provocaron moitas fracturas nas rochas. Estas fallas son vías de acción para a erosión ó penetrar a auga por elas e explican por qué nunha zona como Esmelle, fundamentalmente granítica, aparecen numerosos valiños formados probablemente polo levantamento desigual da codia e a erosión posterior das rochas aproveitando as fracturas resultantes.

CLIMA: Aínda que non é doado de imaxinar hoxe, estas terras pasaron por climas ben distintos do actual, por exemplo durantes o Terciario (hai entre 2 a 65 MA) houbo en Galicia climas subtropicais que provocaron unha intensa erosión. En troques, durantes os 2 MA do Cuaternario déronse varios periodos glaciares que afectaron co frío intenso tamén zonas baixas. Cada tipo de clima contribuiu así á formación do relevo con distintas formas de erosión.

En conclusión, é evidente que para explicar o relevo actual hai que combinar os datos de distintas ciencias da Terra dado que son varias as causas e distamos moito de entendelas ben. Pero, ainda que con tódalas reservas, podemos atribuir as formas suaves da franxa citada, Doniños-Sta. Comba, ó carácter deleznable dos xistos que a forman. Os montes de San Xurxo (Campaíñas), Esmelle (Bispos, Coto Seco, Tralocastro), Cobas (Piñón, Montes da Lagoa) e San Pedro de Marmancón (Montes do Casal, Panceira e Sabugueiro) deben as alturas á súa composición granítica e os vales de Mougá, Esmelle e Papoi sería o resultado dunha erosión dos granitos aproveitando as fracturas das rochas.

É de esperar que estudios en curso vaian aportando datos nos anos vindeiros para clarexar esta cuestión de tanto interés para os que vivimos e apreciamos estas terras.

XOÁN RODRÍGUEZ SILVAR, Maio 1997.
Catedrático de Bioloxía.